Saturday 04 de May de 2024

Manifesto do 8 de marzo do Concello de Oleiros


Como cada ano, o 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres, volvemos expoñer a necesidade de avanzar cara unha igualdade real, plena e efectiva que nos permita acadar unha sociedade xusta e democrática.

Se ben é un día de visibilidade e celebración, tamén o é de loita e reivindicación polos nosos dereitos. Dereitos que, polo feito de existir, perténcennos, son nosos, pero que día tras día seguen a ser vulnerados e violentados.

Arredor de todo o planeta, as mulleres continuamos a enfrontarnos a desigualdades, discriminacións, violencias e abusos. Seguimos padecendo a violencia de xénero, a explotación sexual, a fenda salarial, a falta de corresponsabilidade nos coidados, o teito de cristal, a división sexual do traballo, a dobre xornada… Porque si, as desigualdades estruturais, os roles e mandatos de xénero… tamén son violencia.

Cómpre sinalar, unha vez máis, que a consecución da igualdade e a erradicación das violencias non é algo co que debamos cargar tan só as mulleres. A igualdade é unha cuestión de corresponsabilidade e, polo tanto, na que mulleres e homes deben responsabilizarse conxuntamente para a súa consecución. Senón, sempre será un horizonte que se afasta mentres intentamos acadalo.
Actuade! Implicádevos!

Queremos que as vindeiras xeracións de mulleres e homes se desenvolvan e convivan nunha sociedade libre, xusta e igualitaria. E para isto, temos que poder investir as nosas enerxías na conquista de novos dereitos, non na defensa dos que xa deberían ser nosos sen ningún tipo de cuestionamento.

E é que o machismo, o sexismo, o racismo, a xenofobia, a homofobia, a transfobia,… seguen a ser a nosa realidade. As violencias son múltiples, e por iso cómpre un enfoque interseccional, no que se atenda a prevención e a reparación de todas elas.

Así, é fundamental que traballedes con nós, canda nós. Traballar para eliminar todas as desigualdades que a día de hoxe seguimos padecendo. Porque as cifras falan por si soas: 8 mulleres asasinadas no que vai de ano, e 1.190 desde 2003. É inaceptable e inasumible.

Mais o asasinato é a punta do iceberg; por debaixo quedan todas as violencias normalizadas ás que estamos expostas día a día as mulleres.
Basta! Actuemos ante todas as desigualdades, para cortar de raíz calquera manifestación das violencias machistas, e así poder festexar por unha sociedade xusta e igualitaria.

Así, a maior celebración para este 8M é consagrar o noso compromiso e a nosa loita en prol dun cambio de paradigma, onde o sexo, a cor, a etnia, a orixe, a idade, a clase etc. non determine quen es, como te ven, como te tratan. Porque non, así como non hai un masculino xenérico e universal, tampouco hai un modelo identitario universal, neutro e xenérico de “muller”. Para avanzar, cómpre recoñecer as distintas necesidades e experiencias das mulleres, e as diferentes violencias que nos atravesan. Porque, con independencia da cor, idade, discapacidade, orixe, nivel socio-económico, credo… se vulneran os dereitos de unha, están a vulnerar os dereitos de todas.

Por todas estas razóns, é necesario que desde as Administracións públicas e, como tal, desde o Concello de Oleiros, continúemos a traballar e loitar en prol da igualdade e contra da violencia a través de políticas municipais comprometidas con tal fin.

É a nosa obriga traballar na consecución dun cambio de paradigma: a igualdade e a xustiza social como eixo transversal.